O Concello de Ares informa da apertura do prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2027 da Deputación da Coruña

Comparte esta nota de prensa

As subvencións están dirixidas a persoas autónomas, microempresas e pemes con domicilio fiscal en Ares e abranguen catro liñas de apoio para o exercicio 2027.

O prazo de presentación de solicitudes permanece aberto ata o 18 de decembro de 2026 ás 14:00 horas, exclusivamente de forma telemática a través da plataforma SUBTeL.

As axudas contemplan o pago de cotas sociais e alugueiro, o investimento en bens inventariables e a creación ou mantemento de postos de traballo indefinidos.

O Concello de Ares vén de anunciar a apertura da convocatoria das distintas liñas de axudas do Plan de Emprego Local (PEL) 2027, un programa impulsado pola Deputación Provincial da Coruña co obxectivo de fomentar o emprendemento, o investimento, o autoemprego e a contratación laboral nos concellos da provincia.

As persoas autónomas, microempresas e pemes con domicilio fiscal no municipio poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 18 de decembro de 2026 ás 14:00 horas, exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTeL, na sede electrónica da Deputación da Coruña.

Apoio ao autoemprego e ao investimento empresarial

A primeira das liñas, PEL-Autónomos/as 2027, concede subvencións de entre 1.200 e 8.400 euros para sufragar as cotas mensuais da Seguridade Social (200 euros ao mes) e/ou o alugueiro de locais comerciais, oficinas ou centros de traballo (entre 200 e 500 euros mensuais sen IVE) durante o ano 2027. Está dirixida a persoas traballadoras autónomas que non resultasen beneficiarias desta axuda na convocatoria de 2026.

Pola súa banda, a liña PEL-Emprende Investimento 2027 financia ata o 70 % do orzamento subvencionable (con contías de entre 2.450 e 17.500 euros) para a adquisición de bens inventariables novos en 2027, tales como aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario ou equipamentos para procesos de información.

Fomento da contratación e consolidación de emprego

No eido laboral, PEL-Pemes Creación e Ampliación 2027 subvenciona ata o 60 % dos custos salariais e de Seguridade Social (entre 3.000 e 12.000 euros) de novas contratacións iniciadas en 2027 que supoñan un incremento do cadro de persoal, cunha duración mínima de seis meses e xornada igual ou superior ao 50 %.

Así mesmo, a liña PEL-Pemes Mantemento 2027 achega ata o 50 % dos custos salariais e de Seguridade Social (entre 5.000 e 11.000 euros, en función do colectivo) para dar continuidade en 2027 a contratos indefinidos creados ao abeiro da convocatoria PEL-Pemes Creación 2026.

Compatibilidade e consulta das bases

As distintas liñas do PEL 2027 son compatibles entre si sempre que non financien o mesmo gasto, aínda que resultan incompatibles con outras subvencións da Deputación para a mesma finalidade. As bases completas, os anexos e os modelos de solicitude poden consultarse na páxina web do Plan de Emprego Local (emprego.dacoruna.gal) e na plataforma SUBTeL.

Pódeche interesar