Camiños de Ares
Camiños de Ares é un xeito distinto de coñecer o municipio aresán e a súa identidade; un conxunto de roteiros a pé que mesturan o deporte coa práctica turística e que permiten afondar na paisaxe e na historia desta vila mariñeira.
Esta proposta de turismo activo, materializada a través do esforzo coordinado da Concellaría de Deportes e a Concellaría de Turismo de Ares, abrangue varias rutas de sendeirismo dende o núcleo urbano do municipio cara as parroquias, sinalizadas sobre o territorio e cun track virtual tamén dispoñible, así como dous itinerarios temáticos que afondan na relación da veciñanza co mar.
Ares é un territorio onde a natureza fala por si mesma. E para descubrilo, só necesitas botarte a camiñar polas nosas sendas.
														Itinerarios temáticos
Cada unha das propostas destes itinerarios temáticos debulla un aspecto da identidade de Ares, dende os ecos do seu pasado indiano á súa memoria litoral. Porque nas costas aresáns e nos oficios do mar é posible atopar gran parte do que son a vila e as súas xentes a día de hoxe.
Dende a arquitectura traída de alén mar aos segredos das ribeiras de Cervás, Chanteiro e Caamouco, estes itinerarios achéganse á historia de Ares propoñendo percorridos semiurbanos, inferiores aos dez quilómetros, e con pílulas de contido que dan voz aos verdadeiros protagonistas da vila: a súa veciñanza. Con todo, o seu trazado e contidos só están dispoñibles vía virtual, sen sinalización física. Telo en conta á hora de facelos sobre o territorio.
Adéntrate na nosa identidade e #ViveAres!
				




 
 