A Academia AresXSalud comeza coa súa actividade mensual

Comparte esta nota de prensa

A primeira das sesións divulgativas de Academia AresXSalud, o programa educativo que achega pautas de vida saudable para a veciñanza e permite dialogar con expertos no eido deportivo, psicolóxico ou da nutrición, entre outros, organizouse este venres pasado no salón de actos da Alianza Aresana.

A iniciativa que promoven a Concellaría de Benestar e a Concellaría de Deportes centrouse desta volta no uso da tecnoloxía por parte da infancia e adolescencia, facendo unha panorámica dos principais problemas dun emprego temperá de telefonía móbil, consolas ou ordenadores. Esta primeira sesión estivo conducida por Antonio Rial Boubeta, profesor de Psicoloxía Social na área de Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Pais, nais, profesorado e toda aquela persoa relacionada con menores no seu día a día puideron reflexionar conxuntamente con Rial Boubeta sobre as redes sociais, o impacto delas na mocidade e tamén informarse arredor das opcións dispoñibles para supervisar o uso da tecnoloxía dos e das menores, garantindo unha maior seguridade dixital.

Como é xa cotián dentro do programa de divulgación de hábitos saudables, houbo tempo para formular dúbidas e resolvelas no momento da man do experto da Universidade de Santiago de Compostela.

A segunda sesión materializarase o 13 de decembro, igualmente con entrada de balde e sen necesidade de reserva previa.

 

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado