A Academia AresXSalud remata coa súa programación do 2024-2025 cunha sesión orientada ás ceas saudables

Comparte esta nota de prensa

ENLACE INSCRICIÓN: https://forms.gle/A9cTby3BmmtpEQRy7

  • O 6 de xuño e ao longo de dúas horas a profesora da escola ‘Oído Cociña’ Eva Pazos impartirá un obradoiro creativo para aprender a facer pratos máis equilibrados en termos nutritivos.
  • Precisará de inscrición previa vía telemática na web concellodeares.gal dende hoxe, mércores 21, ata o 28 de maio, habilitándose 15 prazas para os empadroados/as en Ares.

 

A Academia AresXSalud encara a súa última actividade do curso 2024-2025 poñendo o foco na promoción de hábitos saudables no eido da alimentación. A iniciativa do Concello, centrada na divulgación de coñecementos da man de diferentes expertos que se achegan mes tras mes á localidade aresá, promoverá a súa sesión final o vindeiro venres, 6 de xuño, de 18:30 h. a 20:30 h. na Alianza Aresana.

E desta volta, Ares recibirá a visita de Eva Pazos, docente na escola gastronómica ‘Oído Cociña’, para que durante dúas horas amose as posibilidades á hora de facer ceas moitomáissaudables no día a día da veciñanza, a modo de showcooking. Pazos afondará en receitas de pratos divertidos e equilibrados que se poden incorporar facilmente como un hábito a longo prazo para mellorar o benestar xeral das persoas.

A actividade, materializada a partir da coordinación do Concello de Ares, REGAPS Ferrol e a Asociación de Diabetes de Ferrolterra, precisará de reserva previa en liña, enchendo o formulario que se atopará dispoñible na web municipal, www.concellodeares.gal. Habilitáronse 15 prazas e, segundo a información que se achega dende a organización, o obradoiro destínase a empadroados/as en Ares, con especial énfase nas familias, de forma totalmente gratuíta.

O proceso de inscrición estará aberto dende hoxe, mércores 21, ata o 28 de maio.

 

Pódeche interesar