- O proxecto do equipo bibliotecario aresán é un dos dez escollidos en toda España para recibir o premio especial, ao que acceden só as propostas coas puntuacións máis altas.
- A biblioteca recibirá unha dote económica de 10.000 euros e xa supón o seu oitavo María Moliner, malia ser o primeiro nesta modalidade excepcional.
Cunha inmensa alegría, algunha bágoa de emoción e moita satisfacción recíbese a nova nas instalacións da Biblioteca Municipal: o proxecto ‘Ler por pracer… así ten que ser!’ deseñado polo seu equipo técnico bibliotecario para o Premio María Moliner foi seleccionado como un dos 10 mellores de toda España, acadando un galardón especial cunha dotación económica de 10.000 euros, despois de recibir a súa resolución definitiva onte mesmo.
Así, a Biblioteca Municipal de Ares vén de contar cun novo recoñecemento que premia a labor desenvolta en contacto coa veciñanza, cun fondo compromiso a prol da promoción lectora no municipio e que, nesta anualidade, chega cun plus de ilusión: é o oitavo premio dentro do María Moliner, mais a primeira ocasión na que se acada esta categoría especial –sendo o único representante galego neste 2025–, na que ademais se incrementa o investimento para a biblioteca.
Os 10.000 euros, para unha bibilioteca dunha localidade do tamaño de Ares, supoñen unha maior liberdade e posibilidades á hora de reforzar o fondo bibliográfico, o mobiliario e o equipamento en xeral das instalacións municipais. Con todo, o Premio María Moliner supón unha recompensa ao bo facer dende a dinamización cultural e o coidado do tecido veciñal por parte de Caridad Nieto Taramona, Beatriz Martínez Ogando, Silvia Seoane Gómez e Julia López Rivera, do equipo bibliotecario, xunto coa concelleira de Cultura, Alma Barrón.
A LECTURA COMO PRACER E XOGO
O proxecto deseñado este ano para o María Moliner enténdese coma unha prolongación dun traballo centrado “na conexión coas persoas maiores, cos pequenos e cos lectores en xeral” a partir da dinamización cultural, eixo fundamental na liña de actuación da Biblioteca Municipal de Ares.
Con todo, ‘Ler por pracer… así ten que ser!’ bebe dunha idea central: nun mundo onde o dixital o invade todo, ler é un acto para nutrir a creatividade, a imaxinación e a fantasía; a lectura entendida dende o xogo, o goce e o coñecemento dun mesmo.
Baixo este enfoque partiron as actividades e eventos organizados pola Biblioteca Municipal, sabendo que o fomento da lectura “pode facerse empregando o desfrute que achega descubrir culturas, lugares e o mundo en xeral a través dos libros”. Dende o equipo bibliotecario resaltan que “procuramos en todo momento crear unha ponte máxica para que os nosos lectores, de todas as idades, poidan viaxar a mundos infinitos de imaxinación e aprendizaxe constante”.
Porque ler é xogar, conectar coas emocións, explorar e nutrir esa curiosidade tan necesaria para pequenos, maiores e todo aquel que teña vontade de medrar persoalmente. A biblioteca é, en esencia, ese lugar de encontro e fomento da creatividade, amable, onde calquera lector pode atopar unha historia para evadirse e desenvolverse como persoa.
SOBRE O PREMIO MARÍA MOLINER
O Premio María Moliner de Animación á Lectura, creado polo Ministerio de Cultura e Deporte de España, ten como obxectivo recoñecer o traballo das bibliotecas públicas na promoción da lectura e a mellora dos servizos bibliotecarios. Este premio, que se outorga anualmente, busca fomentar a excelencia na xestión e animación das bibliotecas, así como destacar o papel fundamental que desempeñan no desenvolvemento cultural e educativo da sociedade.
No que atinxe a Ares, a biblioteca recibiu o recoñecemento en 2016, 2017, 2020, 2021, 2022, 2023, 2024 e agora, 2025, exemplificando un compromiso constante co traballo de dinamización da lectura e da cultura na vila.




