A Biblioteca organiza unha programación especial de Samaín dirixida á infancia e ás familias, con actividades que combinan lectura, misterio e diversión para achegar os máis novos ao mundo dos libros dun xeito lúdico e terrorificamente divertido.
A programación arrancará o 21 de outubro cunha mesa especial de préstamo de libros de medo, unha selección de lecturas para mergullarse nas historias máis misteriosas e arrepiantes.
As actividades continuarán os días 28 e 29 de outubro coa proposta «Unha biblioteca de medo», que contará con dúas sesións adaptadas a diferentes grupos de idade. O mércores 28, ás 19:30 horas, estará dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos, mentres que o xoves 29, tamén ás 19:30 horas, será a quenda da rapazada de 7 a 12 anos. Ambas as actividades terán un custo de 3 euros.
A programación pecharase o luns 2 de novembro, ás 18:30 horas, cun contacontos familiar titulado «Tarecos e castaña do alén», unha proposta gratuíta para gozar en familia das historias e da maxia propias destas datas.
Todas as actividades desenvolveranse na Biblioteca Municipal de Ares. As inscricións abriranse o venres 23 de outubro, a partir das 9:00 horas, a través da páxina web municipal, www.concellodeares.gal, con prazas limitadas.
Para participar nas actividades, recoméndase traer unha lanterna e unha bolsa. Ademais, as nenas e os nenos poderán acudir caracterizados para mergullarse de cheo no ambiente do Samaín.
Con esta iniciativa, a Biblioteca Municipal de Ares aposta pola animación á lectura e pola creación de espazos de encontro arredor dos libros, ofrecendo á infancia e ás familias unha alternativa cultural e participativa para celebrar o Samaín.

