- O vindeiro 17 de xullo ás 20:00 horas, Miguel Anxo Seixas Seoane, autor do libro biográfico ‘Castelao: Construtor da Nación’ e presidente da fundación adicada ó intelectual rianxeiro, visitará Ares para facer un percorrido pola historia vital deste icono da cultura galega.
- A actividade vén a complementar a celebración do Ano Castelao 2025, conmemorando así o legado e memoria dun dos fundadores da Galicia contemporánea.
O salón de actos da Alianza Aresana acollerá unha nova charla de corte divulgativo coa presenza de Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao e autor da biografía adicada ó escritor rianxeiro dentro da Editorial Galaxia.
Seixas achegarase este xoves, 17 de xullo ás 20:00 h. a Ares para falar dun home, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, fundamental na construción identitaria da Galicia contemporánea, amais de considerarse como un clásico indiscutible das letras galegas e unha persoa polifacética: intelectual, artista plástico, escritor e dirixente político.
Seguindo o esquema dos tres tomos da biografía, Miguel Anxo Seixas fará unha panorámica dos principais fitos da cronoloxía persoal de Castelao, servíndose dun traballo de anos para investigar, documentarse e recoller os datos que nutren a súa obra biográfica sobre o rianxeiro; un texto para dar luz a aspectos ignorados ou esquecidos e camiñar ao compás dunha das personalidades chave da cultura galega.
Este evento, programado pola Concellaría de Cultura, vén a inscribirse nas celebracións polo Ano Castelao 2025, unha iniciativa destinada a conmemorar o seu 75 cabodano –tendo en conta que finou en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950– e debullar así todo o legado que deixou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nesta Galicia do século XXI.
SOBRE O PONENTE
Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) é licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e presidente da Fundación Castelao.
Entre as súas obras destacan “O Camiño de Santiago” (1990), “Ánxel Casal” (1995), “Castelao pintor” (2006, Galaxia) e “Quen fora pedra” (2017).
“Castelao: Construtor da nación” supón un conxunto de tres volumes que abordan, de maneira definitiva, a vida e a obra do autor rianxeiro.