A Concellaría de Medioambiente remata a súa última campaña de compostaxe doméstica

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello repartiu 50 novos composteiros individuais cunha capacidade de 400 litros entre a veciñanza, para que puidesen colocar no exterior da vivenda, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos.
  • A rede de compostaxe doméstica conta con preto de 150 composteiros individuais xa instalados, contribuíndo así a mellorar a autoxestión da materia orgánica nos fogares dos e das aresáns.

 

A área de Medioambiente municipal vén de concluír esta mesma semana coas últimas entregas da súa campaña de compostaxe doméstica, unha iniciativa que permitiu achegar 50 novos composteiros aos fogares da veciñanza que os solicitou.

A propia concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, participou do reparto a domicilio dos composteiros, todos eles cunha capacidade de 400 litros e destinados a colocarse no exterior das vivendas familiares, nunha zona sombreada e idealmente baixo unha árbore de folla caduca, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.

A rede de autoxestión de residuos orgánicos medra de novo grazas á finalización desta campaña ecolóxica, facendo que o número total de composteiros en vivendas de Ares ascenda a 150, de tal maneira que se poida incorporar no día a día unha práctica como é o proceso de compostaxe, con considerables vantaxes ambientais, sociais e económicas.

“Esta xa é a terceira campaña de compostaxe doméstica que promovemos dende o Concello, e sabemos que o esforzo é fundamental para incorporar unha rede estable que nos permita autoxestionar mellor os residuos orgánicos”, salientou a edila de Medioambiente, Lucía Blanco.

E xunto ás campañas de composteiros individuais, tamén resulta chave o papel que xogan as illas de compostaxe comunitarias instaladas en 2024, situadas en Mariña do Pombal e GranxAres.

Con todo, a Concellaría de Medioambiente convida ós veciños e veciñas interesados en ter tamén o seu composteiro doméstico a poñerse en contacto coa administración local aresá, de cara a elaborar unha listaxe de agarda que se empregará en futuras campañas.

 

Pódeche interesar