A Copa de España de BTT Montefaro Enduro Race chega esta fin de semana a Ares

Comparte esta nota de prensa

  • O evento deportivo traerá un ano máis a case 200 ciclistas de todo país á contorna de Montefaro, facendo fincapé no seu atractivo para os amantes do enduro.
  • A iniciativa presentouse oficialmente esta mañá no consistorio aresán con representantes do Concello aresán, o Club Pulpeiros e a Xunta de Galicia.

 

Todo listo para unha das citas máis singulares da comarca no eido do ciclismo de montaña: a Copa de España Montefaro Enduro Race 2025 volverá un ano más a encher a localidade de ciclistas de todo o territorio nacional durante dúas xornadas do 24 ao 25 de maio.

Esta mesma mañá acolleu o consistorio aresán a súa presentación institucional coa asistencia de Alma Barrón, concelleira de Deportes; Eloy Fernández, José Ramón García e Francisco Miguens dende o Club Pulpeiros que coordina a organización da carreira; e Martina Aneiros, delegada da Xunta en Ferrol, xunto con Roberto García, Xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña, en representación da administración autonómica.

A cita deportiva comezará en termos organizativos o sábado, 24 de maio, cunha primeira reunión técnica e continuará coa entrega de dorsais de 16:00 a 20:30 h. Paralelamente, tamén se organizará un concerto a cargo do grupo SINTRON no Parque Rosalía de Castro (19:30 horas), onde se poderá degustar churrasco a prezos populares ofrecido durante toda a xornada grazas á colaboración do Club de Remo Ares.

Con todo, a propia proba ciclista con case 200 participantes será o domingo, 25, dende as 8:30 horas da mañá ata aproximadamente as 15:30 h., seguindo o itinerario de preto de 30 quilómetros pola contorna de Montefaro.

Pecharase a actividade da Copa de España ás 16:00 h. coa entrega de premios e poñerase fin a unha Montefaro Enduro Race que, un ano máis, permite coñecer a deportistas tanto galegos como doutras partes do territorio español, sen esquecerse xamais de salientar a beleza paisaxística da zona.

 

Pódeche interesar