A cuarta edición do DegustAres chegará á vila con sete tapas para probar ao longo dos vindeiros días

Comparte esta nota de prensa

  • Durante as fins de semana do 10, 11, 17 e 18 de maio, a veciñanza poderá desfrutar desta ruta do pincho e decidir quen se alza co galardón á mellor tapa de Ares.
  • A iniciativa presentouse esta mesma mañá no consistorio de Ares debullando os diferentes premios tanto para establecementos colaboradores como participantes.

 

A concelleira de Comercio, Lucia Blanco, vén de presentar hoxe no consistorio aresán a próxima edición do Degustares 2025, a ruta do pincho que se promoverá por cuarto ano consecutivo entre os locais hostaleiros da vila.

O DegustAres convidará a degustar as tapas dos 7 establecementos participantes durante dúas fins de semana: os días 10, 11, 17 e 18 de maio, onde se poderán solicitar os pinchos, que partirán dun custe de 1 euro, para valoralos nas follas destinadas a tal uso.

Lucía Blanco enfatizou “que seguir apostando por esta iniciativa é un xeito de dinamizar a nosa gastronomía, incentivar o consumo e mesmo promover unha socialización entre a veciñanza de máis calidade”. A edila de Comercio aproveitou a presentación para estender o seu agradecemento “a todos os locais que finalmente se animaron a participar, pois a súa involucración é chave nestes catro anos, e tamén aos axentes colaboradores”, nos que se inclúen as bodegas de vinos Ismael Arroyo e Valdelana, Abanca, Coca Cola e a empresa local Bodegas y Vinos Ares.

Manterase no evento o mesmo sistema de puntuación que xa se puxo en marcha en edicións previas, de tal xeito que os clientes terán á súa disposición en cada establecemento adherido ao DegustAres 2025 unha folla onde constan as tapas que se ofrecen e os horarios de servizo, de cara a probalos e decidir quen se merece o primeiro posto  (15 puntos), o segundo (10 puntos) e o terceiro (5 puntos).

Ademais, as follas de valoración deberán estar seladas obrigatoriamente por todos os locais participantes para que os clientes poidan sumarse ó sorteo dos premios que se atopan dentro do concurso.

2.100 euros en premios 

Tecido hostaleiro e veciñanza poderán contar cos seus respectivos premios dentro do DegustAres 2025. Toda persoa que deposite a folla de valoracións debidamente cuberta entrará no sorteo de 5 vales de 100 cada un –deseñados para investir no comercio aresán—e haberá un sexto vale coa mesma contía que se sorteará especificamente o 30 de maio ás 19:00 horas a quen asista á entrega de premios no salón de actos da Alianza Aresana.

A maiores desta contía destinada aos clientes, incorpóranse 1.500 euros que recibirán os locais que se alcen co primeiro (galardón de 600 euros), segundo (500 euros) e terceiro (400 euros) postos do DegustAres.

En total, distribuiranse pola vila 2.100 euros en forma de vales para o consumo de proximidade, aínda que tamén haberá a opción de gañar, en ambas categorías de clientes e establecementos, catro botellas de viño magnum (dúas de Ribera del Duero e dúas de Bodegas Valdelana) grazas ás bodegas asociadas ó roteiro de pinchos.

Locais participantes

  • CIRS de Cervás
  • Club Tenis de Redes
  • Casino de Ares
  • Noaru
  • Hamburguesería O Lago
  • Tarrafa
  • Salitre de Ares

 

Pódeche interesar