A XVIII Festa da Cabria que promove a Agrupación Instrutiva de Caamouco en colaboración co Concello volveu a dignificar a memoria e tradición mariñeiras da contorna de Redes.
A celebración despregou unha ampla programación este sábado pasado, sempre co mar en primeiro plano, incluíndo obradoiros para pequenos e maiores, visitas guiadas ao Alboio de Areamorta, unha exposición sobre Cultura oceánica ou mesmo o concerto de Vai Rañala Meu.
Mais coma sempre, unha das imaxes do día foi o do pendurado das redes na cabria, desta volta grazas ás mans e á axilidade de Helena e Lois, os rapaces que se subiron ás estruturas de madeira e que nos fixeron regresar ó pasado, á memoria colectiva que tanto bebe do litoral, do mar e da pesca.