‘A Dama de Anboto’, de Rober Cagiao, protagonizará a seguinte presentación da Alianza Aresana

Comparte esta nota de prensa

  • O autor de Bañobre (Miño) debullará o vindeiro venres, 24 de outubro, as particularidades da súa última novela, ambientada a cabalo entre Galicia e País Vasco. Conversará co escritor e xornalista Pablo J. Rañales.
  • A Dama de Anboto bebe da mitoloxía vasca arredor da Mari e supón a decimoquinta novela de Rober Cagiao, caracterizado por afondar no xénero do thriller e suspense.

 

Este venres, 24 de outubro, a partir das 20:00 h., o escritor nado en Bañobre (Miño) Rober Cagiao estará no salón de actos da Alianza Aresana para presentar, xunto co xornalista e escritor Pablo J. Rañales, a súa última novela:A Dama de Anboto, publicada recentemente tanto en galego (Calacán Editora) como en castelán (VR Ediciones).

Cagiao afondará así nesta nova obra que continúa a desenvolver os seus trazos característicos no xénero do thriller e suspense. Ambientado en Galicia e País Vasco, a cabalo entre épocas, A Dama de Anboto explora a mitoloxía da Mari, abrindo interrogantes con desaparicións e asasinatos que deberán resolverse coa presenza policial dos dous territorios.

Con capítulos curtos, a novela principia con dúas irmáns galegas que desaparecen o mesmo día, mais con anos de diferenza. Unha aparece morta e da outra nunca se volveu saber máis. Ata que, décadas despois, o seu rastro rexorde nunha pequena vila ao pé do icónico monte Anboto.

Segredos familiares, sendas de montaña e moito suspense acompañarán ao lector na súa viaxe pola historia escrita por Cagiao, que asinará exemplares a quen se anime a levar a que xa é a súa decimoquinta novela publicada dende que o autor de Bañobre decidiu arrancar coa escrita en 2019.

Pódeche interesar