O sábado 19 de agosto a escritora Nones Araújo presentará a súa novela A madriña, gañadora da I Edición do Premio de Novela Curta “Alén” do Concello de Ares. O evento, dentro da programación do VI Ares Indiano,terá lugar ás 19:30 h na Alianza Aresana.
A escritora nada en Riós e afincada en Vigo, estará acompañada por Alma Ferro, concelleira de Cultura, Deportes, Mocidade e Patrimonio do Concello de Ares e Laura Rodríguez Herrera, directora da editorial Hércules de Ediciones.
A novela premiada, titulada “A Madriña”, foi elixida por unanimidade polo xurado, composto pola profesora adhonorem da Universidade de Santiago, Branca Roig Rechou, a profesora da Universidade de Vigo, Mª del Mar Fernández Vázquez, e a directora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez Herrera. O xurado destacou a calidade literaria e a profundidade temática da obra. O premio ascende aos 2.000 euros e a publicación da obra.
“A Madriña” relata en primeira persoa a vida da protagonista,quen lembra a súa historia a partir das consecuencias da emigración familiar. As citas iniciais de cada capítulo,a riqueza do léxico empregado, o ton e ritmo do relato, as oracións sentenciosas e os dobres sentidos, así como o manexo das referencias culturais son algunhas das características resaltadas. Tamén o uso dunha linguaxe que respecta as diferenzas de xénero e a habilidade da autora para plasmar os trazos dos personaxes e ambientes.
A I Edición do Premio de Novela Curta”Alén” fora presentada na Alianza Aresana, emblemático símbolo da pegada indiana no municipio, por Alma Barrón, concelleira de Cultura, e Laura Rodríguez, directora de Hércules de Ediciones. Durante a presentación Rodríguez destacara: “A importancia deste premio literario para achegar aos lectores e lectoras historias sobre a nosa emigración e tamén para descubrir novos talentos na literatura en lingua galega”.
Sobre Hércules Edicións
Hércules de Ediciones é unha editorial galega con sede na Coruña, fundada en 1985 por Francisco Rodríguez Iglesias. Desde entón, destacou por promover a cultura galega a través de obras de divulgación rigorosas e de calidade. Baixo a dirección de Laura Rodríguez Herrera, a editorial independente ampliou o seu alcance, publicando obras contemporáneas, literatura infantil e xuvenil, todo iso cun enfoque no feminismo, a diversidade e a divulgación cultural.
Sobre a escritora:
Nones Araujo (Riós, 1953) é unha mestra e escritora galega. Exerceu como docente de clase de Lingua nos anos 70 na segunda etapa de E.X.B.en Vigo e nos últimos anos ata a súa xubilación no IES Alexandre Bóveda de Vigo.
Valéndose da súa afición pola escritura, participou en certames literarios, nos que recibiu diversos premios como o premio Modesto R. Figueirido de narración breve convocado pola Fundación Pedrón de Ouro en colaboración co Concello de Silleda pola súa obra Paseniño… a desmemoria.