- Sofía Castro, licenciada en Químicas e parte do laboratorio Avène, estará na Agrupación Instrutiva de Caamouco este sábado, 21 de marzo, debullando boas pautas á hora de coidar a nosa pel no día a día.
Co incremento da exposición da veciñanza ao sol que se vivirá nos vindeiros meses, o Concello aresán propón unha charla divulgativa dentro da Academia AresXSaúde centrada especificamente na fotoprotección e os falsos mitos arredor desta.
Organizarase o vindeiro 21 de marzo, ás 19:30 h., na Agrupación Instrutiva de Caamouco, e buscará responder a cuestións fundamentais e aplicables na cotiandade: como fotoproxernos adecuadamente? E que impacto ten na nosa saúde o coidado adecuado da pel?
A sesión estará conducida pola licenciada en Químicas Sofía Castro, que ademais é coach de ventas dos laboratorios AVÈNE e delegada de farmacia os últimos vinte anos, cunha especialización específica nos tratamentos de pel. Con ela achegaranse boas pautas de fotoprotección e como poderemos manter hábitos saudables no eido dermatolóxico no día a día.
A charla destínase ao público en xeral, mantendo un enfoque divulgativo e cumprindo cun dos obxectivos básicos da Academia AresXSaúde que promove o Concello: transmitir coñecemento de calidade para promover a saúde, sempre da man de expertos que se abran ó diálogo e á resolución de dúbidas dos veciños e veciñas aresáns.

