A I Ruta Ciclista Popular, unha oportunidade para descubrir a contorna de Ares en bicicleta

Comparte esta nota de prensa

O evento, unha das principais novidades da programación de Nadal, recalará no municipio o sábado, 28 de decembro, a partir das 11:00 horas. Só é preciso inscribirse previamente, saber montar en bicicleta e acudir á cita con todos os mantementos feitos.

Concello e Pulpeiros BTT, axentes involucrados na súa materialización, presentaron hoxe a iniciativa de 15 quilómetros.

A concelleira de Deportes, Alma Barrón; o técnico deportivo do Concello, Javier Sánchez, e Dani Galdo e Eloy Rodríguez, representantes do Club Pulpeiros BTT, presentaron esta mañá no consistorio de Ares a I Ruta Ciclista Popular, un novo evento que se promove no marco da programación municipal de Nadal o vindeiro 28 de decembro.

Tanto Concello como Pulpeiros BTT aproveitaron a presentación no consistorio para facer fincapé no seu carácter de novidade, amais de enfatizar o seu fondo: un percorrido en bicicleta polo casco de Ares e a súa contorna de 15 quilómetros e deseñado cunha dificultade baixa para que todo o mundo poida gozar dela.

Sairase ás 11:00 horas do aparcadoiro de Pedrós e percorrerá diferentes sendeiros e estradas para rematar despois na Praza da Igrexa, onde haberá un avituallamento e un sorteo de agasallos entre os participantes. Con todo, dende a organización apuntan que, no caso de climatoloxía adversa, este sorteo se trasladará á pista cuberta exterior do CPI As Mirandas.

A ruta é completamente de balde, destinada a calqueira persoa que queira participar coas únicas condicións de saber montar en bicicleta de xeito independente e tela correctamente mantida.

O proceso de reserva de praza xa está operativo até o martes, 23 de decembro, ben na Alianza Aresana, ben na web institucional www.concellodeares.gal, no apartado adicado á programación cultural-deportiva de Nadal.

 

Pódeche interesar