O municipio aresán recibirá o vindeiro domingo, 29 de xuño, aos preto de 80 mozos e mozas que integran a Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. O grupo achegarase á Igrexa de San Xosé de Ares ás 20:00 h. para pechar a súa tempada 24-25 cun concerto programado pola Concellaría de Cultura para o desfrute da veciñanza.
A Orquestra Infantil interpretará un abano de composicións dende o tradicional da música clásica, con melodías de Georg Friedrich Haendel ou Franz Joseph Haydn, a adaptacións de temas moi recoñecibles como Piratas do Caribe (The Medallion Calls) ou Viva la Vida, de Coldplay.
Así, a veciñanza de Ares poderá gozar do talento destes rapaces e rapazas de 6 a 15 anos que fundamentan o futuro da Sinfónica de Galicia, a entidade musical creada en 1992 na Coruña, con sede no seu Palacio da Ópera, e que presenta unha das agrupacións de maior proxección en España no eido das orquestas sinfónicas.