Durante esta fin de semana, a Alianza Aresana exerceu de epicentro das II Xornadas de Autocoidado para PAS dirixidas por Concha Tejada, en colaboración co Concello; unha iniciativa centrada en ofrecer un espazo seguro onde as persoas altamente sensibles puidesen aprender a priorizarse que tamén contou coa intervención da edila de Cultura, Alma Barrón.
Ares foi así un escenario de diálogo e reflexión para aquelas persoas con inquedanzas por medrar profesionalmente a partir da súa alta sensibilidade. Debulláronse, con 5 charlas inspiradoras a cargo de profesionais PAS, 1 obradoiro de xestión sensible e microsesións 1 para 1, cuestións como os hábitos e a mentalidade, as fórmulas para contar cun estilo de vida que respecte as súas particularidades, estratexias saudables de emprendemento ou mesmo contidos de espiritualidade.
Nun mundo dominado pola hiperprodutividade e a présa por enriba da sensibilidade, o evento lembrou o fundamental que é coidarse a un mesmo nunha viaxe de tres días para aplicar ese autocoidado en todas as dimensións.