A segunda tempada da serie ‘Clanes’, de Netflix, conta de novo con Ares como escenario de rodaxe

Comparte esta nota de prensa

  • O seu equipo de gravación instalouse dende este mesmo luns no núcleo urbano da vila para rodar algunhas das escenas que integran a nova tempada deste thriller protagonizado por Clara Lago e Tamar Novas.

 

Dende o pasado 9 de xuño até hoxe, xoves, o municipio aresán acolle a gravación da exitosa ficción ‘Clanes’, unha das apostas máis destacadas de Netflix no xénero do thriller criminal ambientado en Galicia. A produción, a cargo de Vaca Net TV, escolleu de novo espazos emblemáticos de Ares, como a Praza da Igrexa e un treito do paseo marítimo próximo ao bar Gaiteiro, para localizar algunhas das tomas da segunda tempada de Clanes, repetindo a experiencia de gravación que xa tiveron en agosto de 2023.

A serie, protagonizada por Tamar Novas e Clara Lago, narra a historia de Ana, unha avogada que se traslada dende Madrid ata Cambados para comezar unha nova etapa da súa vida. Alí coñecerá a Daniel, fillo dun dos narcotraficantes con máis influencia da zona, e rematará inmersa nunha rede complexa de crime organizado.

A primeira tempada desta ficción a modo de thriller estreouse en xuño de 2024 cunha acollida positiva por parte de público e crítica, e xa neses primeiros capítulos se puideron ver algunhas das localizacións de Ares, lembrando o valor paisaxístico do municipio e o seu gran atractivo como escenario do sector cinematográfico.

De feito, á gravación da primeira e segunda tempadas de Clanes na vila pódense sumar as producións dos filmes Julieta (2016), de Pedro Almodóvar; Concepción Arenal, a visitadora de cárceres (2012), dirixida por Laura Mañá, ou a coñecida serie galega da TVG, Padre Casares (2008-2015).

 

Pódeche interesar