A tenda de aluguer efémero de vestimentas indianas chegará a Ares do 18 ao 23 de agosto

Comparte esta nota de prensa

Chimpos, a empresa compostelá especializada en vestiario histórico rexentada por Betty Sieira, regresa á vila aresá para instalar a tenda efémera de aluguer de vestimenta indiana na Avenida Saavedra Meneses, número 16.

Do luns, 18, até o sabado, 23 de agosto, todo aquel que o desexe poderá botar unha ollada ao seu catálogo, probar as prendas e alugar roupa e complementos para a súa caracterización de época.

Mulleres, homes e crianzas atoparán alí vestidos completos, accesorios soltos, chapeaus… en horario de 11:30 a 14:00 h. e tamén de 18:30 a 22:00 h. Na tenda efémera haberá a posibilidade de recibir asesoramento para elixir as combinacións dos conxuntos, que serán devoltos ao longo da xornada do luns, 25 de agosto.

Así, con este servizo especial, a Concellaría de Cultura que impulsa o Ares Indiano contribúe a reducir a necesidade de mercar ou mesmo confeccionar a indumentaria indiana se non é posible, facilitando á veciñanza a caracterización histórica cunha empresa recoñecida neste eido.

OBRADOIROS DE CUSTOMIZACIÓN

 A maiores da oferta para alugar, a empresa compostelá Chimpos tamén ofrecerá na vindeira semana dúas sesións dos obradoiros de customización de complementos indianos.

Quen se anime a inscribirse, baixo un prezo de 6 euros co material incluído, poderá confeccionar sombreiros, cinturóns, luvas, parasol ou diademas da man de Betty Sieira durante o martes, 19 de agosto, de 17:00 a 20:00h. e o mércores, 20 de agosto, de 10:00 a 13:00 h.

A inscrición é telemática na páxina web institucional, https://concellodeares.gal/viii-ares-indiano-22-23-e-24-de-agosto-2025/

Pódeche interesar