Ao longo desta xornada do 20 de marzo, o Concello impulsa varias actividades para conmemorar os 122 anos da Alianza Aresana de Instrucción, a agrupación que tanto contribuiu ao progreso social, educativo e cultural do municipio, símbolo dun compromiso colectivo para mellorar Ares incluso dende alén mar.
De feito, o programa polo aniversario principiou xa esta mañá cunha homenaxe a Domingo Troche, un dos seus impulsores e primeiro presidente da Alianza; foi precisamente na súa vivenda en Cuba, na rúa Industria da Habana, onde tomou forma a agrupación de aresáns.
A el foille dedicada a ofrenda floral na praza que leva o seu nome, actuando a modo de agradecemento a todas aquelas persoas que, mesmo na migración, loitaron polo avance da súa vila natal.
Presentes no acto estiveron a concelleira de Cultura, Alma Barrón; as edís do grupo de goberno Victoria Montenegro, Olimpia Marcos, Lucía Blanco e Luis Cendán; representantes da corporación municipal; directivos do CIRS Cervás e a Agrupación Instrutiva de Caamouco, ambas entidades vinculadas co proceso migratorio aresá; e Montse Larios, descendente do propio Domingo Troche e encargada de comezar coa lectura da acta fundacional da Alianza.
Pechou a homenaxe cun repique de campás, e así se recordou este legado a prol do progreso colectivo do municipio, que permitiu entre outras cousas o edificio que na actualidade alberga a Biblioteca Municipal, a primeira escola en toda Galicia que defendeu a democratización da educación entre as clases populares, e que aínda exerce unha función cultural chave no día a día de Ares.
Continuará o aniversario xa esta tarde, co concerto de Paty Lesta (voz) e Cristian Leggiero (piano) ás 20:30 h. no salón de actos da Alianza.
Un acto para tecer a memoria comunitaria da localidade!











