Aberto o prazo para participar no X Concurso de Fotografía Xuvenil Concello de Ares

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares, a través da Concellaría de Cultura e da OMIX, organiza esta décima edición en colaboración co CPI As Mirandas, co obxectivo de fomentar a creatividade da mocidade e achegar a súa mirada á identidade e á contorna do municipio.

O concurso convida a fotografar paisaxes, lugares, festas, espazos ou momentos da vida cotiá que representen Ares e formen parte da identidade e da memoria colectiva do municipio.

Poden participar mozos e mozas de 8 a 18 anos empadroados en Ares ou alumnado do CPI As Mirandas, en dúas categorías: de 8 a 12 anos e de 13 a 18 anos. Non poderán participar as persoas gañadoras dos primeiros premios da edición anterior.

O prazo de presentación estará aberto do 9 de outubro ao 2 de novembro de 2026, ás 20:00 horas. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas fotografías, que deberán ser orixinais, tomadas durante 2026 e presentadas en formato dixital JPEG ou JPG, sen edición nin uso de intelixencia artificial.

O xurado seleccionará seis fotografías finalistas, tres por categoría. As obras gañadoras formarán parte do Calendario Municipal 2027. Ademais, haberá premios en cada categoría: unha cámara de fotos ou tablet para o primeiro posto e lotes de libros para o segundo e terceiro.

 As fotografías deberán enviarse a concursofotografia@concellodeares.com, xunto cos formularios de participación e identificación debidamente cubertos e asinados. Se aparecen terceiras persoas nas imaxes, tamén será necesaria a correspondente autorización de uso da imaxe.

Para máis información, as persoas interesadas poden acudir á OMIX, no Edificio Alianza Aresana (Rúa María 11, Ares), ou chamar ao 981 448 057.

Pódeche interesar