Adxudicadas as obras para a mellora do sistema de abastecemento de Ares

Comparte esta nota de prensa

A Xunta, a través da entidade pública de Augas de Galicia, vén de anunciar nesta pasada fin de semana a adxudicación dos traballos de mellora do sistema de abastecemento en Ares, un proxecto deseñado para rematar cos problemas de auga na vila cun investimento total de 4,3 millóns de euros, incluído neste importe final a redacción do proxecto técnico, a súa dirección de obra, o control de calidade e outros elementos vencellados súa xestión.

As tarefas adxudicadas inclúen tres grandes intervencións interrelacionadas entre si, baseándose no estudo e diagnose executados en 2019 por parte de Augas de Galicia para examinar as alternativas que puidesen resolver a problemática de abastecemento en Ares.

A primeira delas é a construción dun depósito de regulación de auga potable no alto de Simou con 3.400 metros cúbicos de volume de almacenamento, ás que se suma, como segunda intervención de calado, a materialización dunha nova liña de aducción dende as inmediacións do lugar de A Barca de 2.500 metros de lonxitude e un diámetro de 350 mm.

A terceira construción que se executará tradúcese nunha liña de distribución xeral de 1.600 metros de lonxitude e un diámetro de 300 mm, para conectar toda a nova infraestrutura coa rede xa existente de abastecemento na contorna de Pedrós.

Dos 4,3 millóns de euros que implica esta intervención, a Xunta asumirá o 40 % -mobilizando dende a súa banda 1.705.760 euros-, namentres que o Concello de Ares se responsabilizará do 60 %, mais contará co apoio da Deputación da Coruña, que sufragará máis da metade desta porcentaxe, despois de asinar o convenio de colaboración entre ambas institucións en outubro de 2023.

Deste xeito, o Concello mobilizará 852.730 euros dende as súas arcas municipais, namentres que a Deputación incorporará 1.705.760 euros, e permitirá facer realidade unha intervención que contempla a solución da problemática do abastecemento de auga.

Así, os traballos garantirán o subministro á poboación con presións adecuadas, alcanzarase una continuidade do servizo de 24 horas en todo o concello e dotará ao termo municipal dunha capacidade de reserva de auga potable en cantidade suficiente para afrontar situacións de emerxencia.

Pódeche interesar