Durante este período estival, a Mesa Local de Saúde aresá, na que se atopan diferentes axentes vencellados coa promoción de hábitos saudables, entre eles o Concello, impulsa unha campaña de fotoprotección contra o sol para lembrar a relevancia de botarse crema non só nas praias, tamén en calquera evento, espazo exterior ou acto ao que se vaia.
Así, baixo a coordinación da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), desprégase unha campaña cun enfoque transversal: terá impacto nos campamentos deportivos municipais e as actividades do Concello ao aire libre, mais tamén chegará a centros educativos a asociacións locais.
Contará cunha dimensión informativa, dando a coñecer os múltiples tipos de cremas solares que hai segundo a actividade (na auga, con suor, con exposición directa…) e achegando pautas de coidado nestas datas de altas temperaturas, entre elas roupa adecuada –incluíndo gafas e gorras –, prestar atención ás horas de exposición ao sol e moita hidratación.
A maiores, instalaranse dispensadores de crema solar totalmente de balde nos eventos municipais, facilitando o acceso da veciñanza á protección, e tamén se repartirá nos campamentos deportivos da Concellaría de Deportes, así como nas actividades que presenten unha exposición ao sol considerable.
Toda esta iniciativa de concienciación é resultado das dinámicas establecidas na Mesa Local de Saúde de Ares, constituída en febreiro deste ano, e que xa realizou os primeiros pasos de diagnose e deseño de propostas para o municipio. Na Mesa participan axentes chave como o Concello, o centro de saúde, centros educativos, clubes deportivos, asociacións locais e outros axentes da localidade con relevancia na promoción da saúde.
Neste #VeraneAres2025, non quedes sen protexerte: bota crema solar!