Ares aborda a violencia de xénero dende a perspectiva dos coidados

Comparte esta nota de prensa

  • O salón de actos da Alianza Aresana congrega durante todo o día a expertas no eido xurídico e social para pensar conxuntamente as fórmulas de prevención e os espazos de riscos dos profesionais dos coidados.
  • A xornada impulsada polo Concello confórmase de 4 conferencias e 1 mesa redonda e xa acada a súa décimo oitava edición, constatando a súa fonda tradición na vila.

 

O municipio aresán celebra este 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha ampla xornada que reúne na Alianza Aresana a expertas en materia de igualdade, co foco posto en analizar e debater as contornas de coidados e os seus riscos.

O evento principiou esta mañá coa apertura por parte de María Dolores Castro González, avogada do Centro de Información á Muller (CIM) de Ares, e a traballadora social Patricia Seoane, que agradeceron a involucración de todos os axentes nesta xornada, premiada durante o 2025 no IX Concurso de Boas Prácticas Locais contra a violencia sobre as mulleres da FEMP e que supón “un firme compromiso do Concello fronte a violencia de xénero”.

Baixo o nome ‘Contornas de coidados, espazos de risco: violencia de xénero na práctica profesional’, a iniciativa achegará até Ares a perfís profesionais como traballadoras sociais, asesoras xurídicas, doutoras en socioloxía e xuízas, para realizar unha panorámica de quen, como e en que circunstancias económicas se realizan os coidados no século XXI.

En horario de mañá e de tarde, debatirán e pensarán conxuntamente arredor das 4 charlas e 1 mesa redonda que veñen de deseñar a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) municipal. 

Entre os principais contidos, farase unha diagnose do traballo dos coidados no contexto galego, reflexionarase sobre os desafíos e as fórmulas de prevención da violencia de xénero e tamén se falará do papel da UFAM (Unidade de Familia e Muller). Unha grella de ponencias que contribúen a analizar unha sociedade marcada polo avellentamento, cuns coidados que recaen na muller e que se prestan en condicións precarias, en moitas circunstancias baixo unha serie de riscos laborais que deveñen en situacións de violencia machista.

Procurarase abranguer así a complexidade que involucra esta problemática social, e materializarase a que é xa a XVIII edición destas xornadas especializadas que se levan desenvolvendo ano tras ano na vila, asumindo un claro compromiso de prevención da violencia contra as mulleres.

 

 

Pódeche interesar

Notas de prensa

25N: Ares contra a violencia de xénero

O Concello de Ares súmase nestes días ás reivindicacións do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, para rexeitar a