- O Concello renovou os elementos que integran a pasarela de madeira, dende vigas a correas, tarimas e varandas, amais de executar unha limpeza de refugallos e a tala selectiva de ramas perigosas.
- Contabilizando o investimento de 225.000 euros que supuxeron estes traballos de renovación, dende 2008 adicáronse máis de 700.000 euros á recuperación do humidal, cunha enorme diversidade de fauna e flora.
- Concello e Xunta de Galicia colaboraron para materializar a intervención de restauración ambiental.
O humidal da Xunqueira vén de abrirse oficialmente esta semana ó público con elementos novos no seu paseo fluvial de madeira: vigas, correas, tarimas ou mesmo varandas renováronse tras o remate do proxecto de rexeneración froito da colaboración entre o Concello e a Consellería de Medioambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
Veciñanza, visitantes e amantes da natureza poderán desfrutar xa dun lugar de referencia pola súa condición de refuxio verde no núcleo urbano de Ares, cunha valiosa avifauna e vexetación.
De feito, aproveitando a reapertura, o humidal recibiu a visita da concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos; da delegada territorial da Xunta de Galicia, Martina Aneiros e da directora territorial de Medioambiente, Pilar Arias, xunto con Vanesa Rúa, do PP aresán, para comprobar o resultado final das actuacións desenvoltas.
Xunto coa renovación da pasarela de madeira, tamén se desbrozaron as marxes, executouse unha limpeza de refugallos e unha tala selectiva de ramas que supoñían un risco en termos de seguridade pola súa posible caída, todo co foco posto en poñer en valor este humidal cunha extensión de catro hectáreas.
A intervención de rexeneración supuxo un investimento de 45.000 euros para as arcas municipais e 180.000 euros dende a Consellería de Medioambiente, divididos en tres liñas de subvencións, sendo o Concello de Ares, xunto con Vilariño de Conso, as únicas entidades locais en toda Galicia en recibir esta contía de apoio económico.
A XUNQUEIRA: UN ESPAZO NATURAL DE GRAN VALOR RECUPERADO AO LONGO DOS ANOS
Co remate dos últimos traballos, a suma total de investimentos orientados á rexeneración da Xunqueira, incluída no Inventario de Humedais de Galicia pola súa riqueza paisaxística, supera os 700.000 euros, tendo en conta o conxunto de actuacións que se materializarion para a súa recuperación dende 2008.
A historia do humidal tal e como se coñece agora principia en 2009, coa instalación do primeiro tramo da pasarela de madeira e a partir do convenio asinado entre Julio Ignacio Iglesias Redondo, alcalde de Ares, e o conselleiro de Medioambiente na época, Pachi Vázquez. Nesta etapa tamén se incluíu a depuración do río e a conservación da biodiversidade paisaxística e animal da contorna.
Posteriormente, o Concello ampliou progresivamente os tramos da pasarela nas seguintes lexislaturas grazas á colaboración veciñal, amais de incorporar varios puntos de observación de aves e orientar as súas accións ao respecto da fauna e flora locais, desenvolvendo unha liña de traballo que potenciase a Xunqueira como lugar de desfrute e lecer da veciñanza.
As actuacións de carácter medioambiental prolongaron o paseo fluvial en 2011 e 2013, estreando novos tramos, e tamén supuxeron a reposición da madeira tendo en conta o seu desgaste e a dotación de máis equipamento para o espazo verde: carteis informativos debullando a avifauna da contorna, novos refuxios de madeira para patos nas zonas non inundables e niños e comederos para paxaros nas masas arbóreas.












