Ares acollerá o 17 de marzo a presentación de “Muller Dixital”, un programa para a mellora das competencias dixitais dirixido a mulleres desempregadas

Comparte esta nota de prensa

O acto organizarase ás 11:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana e as persoas interesadas terán que acudir á xornada coas fotocopias do DNI e da Tarxeta de desemprego.

O Concello de Ares, no marco da súa liña de traballo na loita contra a brecha dixital, acollerá o evento de presentación do programa Muller dixital, un conxunto de accións formativas gratuítas para mulleres desempregadas ou en situación de mellora de emprego. O acto celebrarase en horario de mañá (11:00 horas) na Alianza Aresana, debendo aportar ese mesmo día fotocopias do DNI e da Tarxeta de desemprego.

 A sesión servirá para explicar en que consiste o proxecto e, sobre todo, explorar os cursos formativos, totalmente de balde, que se desexan promover en Ares. Haberá tres opcións, todas elas cun total de 40 horas de formación e con diferentes niveis de complexidade, dende o básico ao máis avanzado:

  1. Curso de Competencias básicas dixitais, que sirva para aproveitar as posibilidades que ten o acceso á información, a creación de contidos, o uso das tecnoloxías para a comunicación e a resolución de problemas básicos.
  2. Curso de Iniciación en competencias dixitais para o emprendemento, adquirindo habilidades tecnolóxicas para facilitar e mellorar a empregabilidade, por unha banda, e o desenvolvemento de negocios novos ou preexistentes, pola outra. Sempre co desexo de que as mulleres concilien a súa vida familiar e profesional.
  3. Curso de Competencias dixitais avanzadas, unha formación destinada a entender a complexidade das tecnoloxías dixitais e aproveitar a súa riqueza no día a día.

As mulleres que se sumen á iniciativa, e tendo en conta as posibles dificultades de acceso a equipo tecnolóxico, recibirán unha tablet para emprego persoal coa que poderán quedar ao rematar o curso. Ademais, todos eles están homologados a través dos certificados emitidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

As interesadas en obter máis información poden chamar ao 881 820 345, contactar por WhatsApp no 621 180 897 ou escribir un correo electrónico a info@mullerdixital.gal.

Este programa está financiado pola Unión Europea no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Pódeche interesar