- A renovación da infraestrutura futbolística en Prados Vellos contará cun investimento total de case 400.000 euros, namentres que a mellora do abastecemento no camino municipal de Praia de Estacas será de preto de 75.000 euros, sumando en ambos casos os fondos provinciais e do Concello.
- Tamén haberá un reforzo no eido social, ao incrementar a partida dispoñible do programa de emerxencias municipais con 48.000 euros do POS+Adicional.
A corporación municipal vén de aprobar na sesión plenaria celebrada onte, luns, 26 de xaneiro, a proposta de investimento que se contempla dentro do POS+2026 da Deputación, un instrumento económico chave ao permitir coordinar os fondos da institución provincial cos do Concello de cara a acometer intervencións urbanísticas ou sociais na vila.
Dúas son as actuacións que se recollen no POS deste ano para impulsar as infraestruturas do termo municipal. A primeira delas é a mellora no campo municipal de Prados Vellos, que contempla a renovación completa do céspede sintético do campo, amais da instalación dunha rede separadora retráctil destinada a demilitar visual e funcionalmente as diferentes áreas de xogo.
Asimesmo, o proxecto para o campo de fútbol tamén incluirá unha estrutura de protección para a zona dos banquillos, unha nova rede de rego de 8 cañóns emerxentes, a modernización do sistema de drenaxe do campo, a materialización dunha solera de formigón e, xa na contorna do graderío, a colocación de novas luminarias de tipo LED.
O conxunto de intervencións en Prados Vellos mobilizará un total de 379.059,42 euros, dos cales 198.325,66 euros son asumidos pola Deputación e o restante, 180.733,76 euros, polo Concello.
A segunda das actuacións recollidas no POS+2026 atinxe á ampliación da rede de abastecemento de auga no camiño municipal de Praia de Estacas, co obxectivo de garantir o subministro de auga potable ás vivendas da zona, mais tamén realizar a renovación do firme existente mediante a aplicación dunha triple capa de regos —semiprofundo, superficial e de selado— en toda a lonxitude da nova rede.
Conseguirase así unha mellora do servizo de abastecemento de auga na área, mais tamén o mantemento adecuado do camiño, a partir dun investimento de 75.237,68 euros (69.885,25 euros procedentes do POS e 5.352,43 euros das arcas municipais).
IMPULSO NO GASTO SOCIAL
Complementando a proposta de investimento aprobada onte, tamén o Departamento de Servizos Sociais de Ares verá incrementada a súa partida de emerxencias municipais, o programa que proporciona apoio económico ás unidades familiares aresáns en situación de vulnerabilidade social, con 48.078, 95 euros do POS+Adicional.
Un reforzo no eido social aprobado polo pleno en decembro de 2025 e que se destina a sufragar as necesidades básicas que se detecten no tecido social da localidade por parte do equipo técnico do Concello, atendiendo a situacións de exclusión que requiren cobertura de vivienda, alimentación, educación ou saúde, segundo a ordenanza reguladora das emerxencias desta administración local.

