Ares celebra a Festa de Santa Catalina cun toque literario: Ledicia Costas presentará ‘Pel de Cordeiro’ o vindeiro sábado na vila

Comparte esta nota de prensa

Xunto á tradicional programación lúdico-gastronómica que se propón ano tras ano por parte do tecido asociativo aresán, o Concello incorpora este acto cultural o 23 de novembro a partir das 18:00 horas no propio Mosteiro de Santa Catalina.

A autora viguesa, unha das grandes voces narrativas da literatura galega contemporánea, estará acompañada por Rogelio Pérez Varela e o escritor Pablo J. Rañales.

Ledicia Costas (Vigo, 1979) chegará este vindeiro sábado, 23 de novembro, a Ares para presentar a súa última novela, Pel de Cordeiro, publicada en Xerais este mesmo 2024, nunha cita que se desenvolverá integramente no Mosteiro de Santa Catalina a partir das 18:00 horas.

A autora viguesa afondará así na súa historia de ambientación gótica nunha data que non é casual: o municipio celebra a tradicional Festa de Catalina, e xunto á programación lúdico-festiva a Concellaría de Cultura tamén programa este acto literario que toma como base a relevancia simbólica de Catarina na novela de Ledicia Costas.

De feito, Pel de Cordeiro afonda no percorrido vital de dúas mulleres galegas distanciadas polo tempo: unha delas, Catarina, procede dunha estirpe de bruxas que sofre a persecución da Santa Inquisición nos seus últimos anos de existencia, e a segunda figura feminina, Lola, desenvólvese no propio século XXI, atravesando unha ruptura e crise existencial. Entre elas construírase unha ponte temporal, amais de trazar un cúmulo de paralelismos arredor da violencia e persecución das mulleres, o espertar sexual e a evolución do misticismo e a maxia ao longo do tempo.

O propio cenobio aresán tamén se adecúa á atmosfera da novela de Ledicia Costas, con enorme presenza da escuridade e dun tono tenebroso, tecido con sombras e conxuros, que bebe dun proceso de documentación moi particular.

Estará acompañada por Rogelio Pérez Varela, da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina, e polo escritor e xornalista Pablo J. Rañales.

 

Sobre a autora

Ledicia Costas é unha das escritoras máis traducidas e recoñecidas da literatura galega, cunha narrativa que atrapa tanto ao público infanto-xuvenil como adulto. Gañou o Premio Merlín e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, recibiu en tres ocasións o Premio Lazarilllo de creación literaria e tamén foi recoñecida, en 2021, co Premio da Cultura Galega.

Xunto á súa obra infantil, fundamental na súa configuración como autora, e o seu desenvolvemento poético con poemarios como ‘Ultraluz’ (2023), publicou as novelas ‘Infamia’ (2019), ‘Golpes de Luz’ (2021) e Pel de Cordeiro’ (2024).

Pódeche interesar

Notas de prensa

Ares principia coa tempada de Nadal

As familias aresáns uníronse para decorar e iluminar a árbore próxima á Ponte da Ciscada durante a tarde de onte, e foi un momento cargado