Ares celebra o Entroido 2026 convidando á veciñanza a unha tarde de orellas, chococale quente e moita diversión na Praza da Constitución

Comparte esta nota de prensa

  • O mércores, 18 de febreiro, a Concellaría de Cultura impulsa unha xornada lúdica con animación, inchables, obradoiros de máscaras e pintacaras, un touro mecánico… e a tradicional queima do Entroido na praia urbana de Ares.
  • Se a climatoloxía é adversa, a celebración trasladarase á pista exterior do CPI As Mirandas.

 

Todo está xa listo para gozar do Entroido en Ares: a Concellaría de Cultura vén de publicar a programación deste ano para celebralo cun abano de actividades para os máis pequenos e as súas familias. O vindeiro 18 de febreiro, dende as 17:00 h. en adiante, a Praza da Constitución do núcleo urbano contará con moita trasfega e diversión para que ninguén quede sen pasalo ben.

Na proposta do Concello inclúense inchables e animación tematizada, amais dunha pista americana e un touro mecánico. A música ambiente acompañará o sorteo de agasallos entre as persoas que asistan disfrazadas e quen o desexe poderá sumarse ós obradoiros de máscaras e de pintacaras.

As orellas e o chocolate quente porán o toque doce á xornada, na que tamén haberá o photocall da S.C. O Tilo, que volve sumarse á celebración coa boa predisposición de sempre. A programación rematará coa tradicional queima do Entroido na praia urbana de Ares.

Dende a área de Cultura fan fincapé en que, en caso de choiva, toda a actividade se trasladará á pista exterior do CPI As Mirandas. Asimesmo, agradécese especialmente ao voluntariado de Protección Civil de Ares e da Sociedade Cultural O Tilo a súa involucración, un ano máis, neste Entroido 2026.

Pódeche interesar