Ares celebrará as Letras Galegas con obradoiros, presentación de libros e moita máis cultura

Comparte esta nota de prensa

  • Dende o 12 ata o 22 de maio, a vila contará con múltiples eventos que conforman a programación municipal para celebrar unha das efemérides máis relevantes da cultura galega.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN PARA O OBRADOIRO SUPERLECTORXS: https://forms.gle/pG8GvHrcwf1N4rrz5 

A Concellaría de Cultura vén de anunciar as cinco grandes programacións que se organizarán na vila de Ares co foco posto nas Letras Galegas 2025, celebradas tradicionalmente cada 17 de maio. Mais no municipio haberá eventos xa nos inicios da vindeira semana, aglutinando dende obradoiros tematizados a actos literarios e teatrais.

Arrancará a programación o 12 de maio coa actividade ‘Letras con memoria’, vinculando a cultura coas persoas que participan do Obradoiro de Memoria municipal e facendo que toda a súa sesión estea orientada a traballar coas palabras e o eido literario.

Continuarase xa o 14 de maio nas instalacións da Biblioteca Municipal de Ares, onde o seu equipo dinamizador organizará o obradoiro ‘Superlectorxs: deseñamos a nosa bolsa de libros’ (18:30 h.), mesturando así as manualidades coa lectura nesta proposta lúdica-cultural para nenos e nenas a partir dos 6 anos. Será gratuíta, mais precisará reserva previa dende mañá, 9 de maio, ás 10:00 horas, a través da web municipal, www.concellodeares.gal.

Tamén haberá oco para falar dunha das novidades literarias en lingua galega dentro da comarcal como é ‘O practicante rural’, as anotacións memorísticas que achega o mugardés Xoán Rubia sobre a súa experiencia exercendo como profesional da saúde na Galicia rural do século pasado. Rubia presentará a súa obra o 16 de maio ás 20:00 horas no salón de actos da Alianza Aresana e afondará nas anécdotas que lle deixaron toda unha vida de traballo no sistema público galego, ao mesmo compás que poñía música a toda unha xeración.

A parte máis gastronómica das Letras Galegas 2025 en Ares chegará o 17 de maio na Praza da Constitución coa I Festa Popular que propón a Comisión de Festas de San Roque, en colaboración co Concello, no que haberá tapas de culler, dende caldo galego a arroz caldoso ou callos, rap improvisado en galego, disco móbil e actuacións musicais de grupos como Trouleada de Ares ou as Cantareiras de Airiños do Eume.

Concluirán as celebracións polas Letras Galegas o 22 de maio con Migallás Teatro e as súas ‘Brincadeiras da Lingua’, un espectáculo de balde previsto para as 18:30 h. que dará a coñecer a enorme riqueza de ditos e recitados da literatura popular infantil galega. Xogos verbais, cancións, contos e monicreques porán así punto e final á programación da Concellaría de Cultura.

Coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e o programa de dinamización lectora da Xunta de Galicia ‘Ler conta Moito’.

Pódeche interesar