- Hoxe mesmo desvélase o cartel oficial desta Festa de Interese Turístico de Galicia, unha tradición que enche o núcleo urbano da vila de arte efémero e supón toda unha mostra de compromiso colectivo por parte da veciñanza.
- Os traballos de picado principiarán o 20 de maio nos centros organizativos habilitados para a ocasión e precisaranse o maior número de voluntarios posibles que desexen colaborar neste proceso previo de preparacións.
O municipio aresán xa se prepara para celebrar unha das súas tradicións máis fondas e con maior atractivo para quen decide coñecer a vila: as Alfombras Florais chegarán ás rúas de Ares o 22 de xuño con 5 tramos de tapices que percorrerán a Praza da Igrexa en dirección ó Peirao, a rúa María e a rúa Real.
Mais todo o que acarrea un evento así, declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia, precisa dun tempo de organización, e como apuntan dende a Asociación das Alfombras Florais –a entidade encargada da coordinación da iniciativa–, o proceso de picado e organización de materiais arrancará o vindeiro martes, 20 de maio, espallándose en varios puntos:
- Casa da Parroquia
- Bar O Gaiteiro
- Antigo Bar As Mirandas (Rúa Real)
- Rúa San Simón
- Antiga Casa Rectoral
Estes serán os lugares que centralizarán a actividade previa á confección das alfombras, e alí se coordinarán os traballos liderados polos veciños e veciñas de Ares, que de xeito voluntario deciden unirse para facer realidade esta festa con máis de 40 anos de tradición. De feito, o seu labor altruísta convértese nunha mostra explícita de espíritu solidario coa localidade onde viven.
E coma aconteceu no ano pasado, tamén nesta ocasión se estende un convite a todo aquel que desexe contribuír á causa: necesítanse o maior número de mans posibles que axuden neste proceso previo de picado, esixente en cuestión de tempo e enerxía para a selección de materiais.
Ao fío da relevancia da Asociación de Alfombras Florais de Ares aproveitou Alma Barrón, concelleira de Cultura, para “agradecerlles a súa involucración ano tras ano, pois é a Asociación quen permite que continúe este exemplo de arte efémero floral, e dende logo tamén son sinónimo de compromiso colectivo”.
Nesta edición de 2025 resaltaranse de novo as sinerxias xa consolidadas entre a Asociación veciñal, o Concello, a Deputación da Coruña e mesmo a Xunta de Galicia, axentes involucrados directa ou indirectamente na materialización do evento.