- A asociación veciñal O Rueiro, xunto co Concello, impulsa un xantar popular con música tradicional, postos de artesanía, xogos… Un conxunto de actividades que principiarán a partir das 12:00 h.
A vila de Ares somerxerase na celebración dos Maios para festexar a chegada da primavera dende as doce do mediodía do próximo venres, 1 de maio, cando se comezarán a confeccionar as figuras tradicionais desta festa con tuia, piñeiro, flores ou outros elementos naturais.
A asociación O Rueiro e o Concello propoñen así un conxunto de actividades entre as que se inclúen un xantar popular, onde cada veciño e veciña pode levar a súa comida e partillar con quen o desexe no propio parque Rosalía de Castro, o pulmón verde do núcleo urbano onde se centralizará toda a celebración.
Tamén haberá venda de cuncas e viño, xogos tradicionais ou música para dinamizar os Maios aresáns, amais de postos de artesanía de proximidade e, finalmente, un obradoiro para os socios de O Rueiro da man de Mukina a partir das 17:00 h.
Lecer e tradición nunha mesma xornada aberta a toda a veciñanza!

