- O 8M celebrarase na vila a través desta andaina simbólica para exemplificar o camiño que xa se percorreu a prol da igualdade de xénero, mais tamén todo o que aínda falta por avanzar na sociedade nos dereitos das mulleres.
- A iniciativa promoverase o luns, 9 de marzo, en colaboración cos centros educativos do CPI As Mirandas e IES de Mugardos, baixo dous itinerarios: un costeiro e outro accesible polo núcleo urbano da localidade.
- Con todo, a veciñanza pode sumarse á andaina inscribíndose previamente de xeito telemático a través da páxina web do Concello, concellodeares.gal dende hoxe, 19 de febreiro, até o 3 de marzo. É totalmente de balde.
O deporte será, coma en anteriores anos, unha ferramenta para conmemorar simbolicamente o Día Internacional da Muller que se celebra cada 8M en Ares. O Concello aposta de novo polo impulso de ‘Camiña pola Igualdade’, unha andaina reivindicativa que se vén de presentar hoxe no consistorio aresán prevista para o 9 de marzo, mais cun proceso de reserva previo que arranca esta mesma tarde.
Ao acto de presentación desta mañá, no que se debullaron os principais detalles da nova edición, acudiron a concelleira de Igualdade, Victoria Montenegro, xunto coas súas compañeiras no equipo de goberno, Lucía Blanco e Olimpia Marcos; Laura Toimil e Dolores Castro, directora e avogada do CIM de Ares; o técnico municipal de Deportes Javier Sánchez e os representantes das entidades colaboradoras, coa asistencia das directoras María Calvo, por parte do CPI As Mirandas, e Carmen Río, do IES de Mugardos, amais de Alberto Pérez e Carlos Treviño, da asociación BimAres.
“Neste ano agradecemos especialmente a involucración dos centros educativos para sumarse á nosa andaina, sabendo que é esencial que a mocidade se comprometa na loita contra a violencia de xénero e teña un espazo de reivindicación da igualdade entre homes e mulleres”, salientou na presentación Victoria Montenegro, que tamén puxo en valor “o traballo de coordinación e o papel de BimAres”, ao contribuír no deseño do percorrido da andaina e axudar na súa materalización, xunto co voluntariado de Protección Civil.
‘Camiña pola Igualdade’ constará de dous itinerarios distintos en función do perfil do participante. O máis longo arrancará ás 10:15 h. dende o CPI As Mirandas e percorrerá a costa aresá a través dos camiños de sendeirismo municipais durante 6 quilómetros. Será neste roteiro onde participarán os escolares de 1º e 2º da ESO dos centros educativos aresán e mugardés. O segundo itinerario (12:00 h.) manterá un carácter accesible, ao realizarse dende a Ponte da Ciscada polo paseo marítimo baixo un percorrido aproximado de 1 quilómetro e dificultade baixa.
As dúas rutas guiadas rematarán confluíndo e chegarán xuntas á Praza da Constitución, onde se centraliza toda a actividade organizativo, e alí se lerá o manifesto a prol da igualdade de xénero e a conquista de dereitos para as mulleres.
INSCRICIÓNS VÍA TELEMÁTICA PARA A VECIÑANZA
Todo veciño e veciña que o desexe poderá sumarse a Camiña pola Igualdade de xeito gratuíto. Só se precisará, por motivos organizativos, inscribirse previamente a través do formulario que se atopará na web institucional, www.concellodeares.gal.
Dende hoxe, 19 de febreiro, até o 3 de marzo ás 15:00 horas, abrirase a posibilidade de reservar prazas. Non dubides en camiñar a prol dunha sociedade máis xusta!
LIGAZÓN PARA INSCRIBIRSE: https://forms.gle/mR5J2FAhNpgLizxw6



