Ares consegue 180.000 euros para a rexeneración do humidal da Xunqueira e a súa contorna

Comparte esta nota de prensa

  • A raíz desta nova, o municipio recibiu hoxe á conselleira de Medioambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto, acompañada polo equipo de goberno e membros da corporación municipal.
  • A Xunqueira, recuperada e posta en valor dende a primeira lexislatura do alcalde Julio Ignacio Iglesias Redondo en 2008, verá renovada a súa pasarela de madeira ao completo, amais de contar con talas selectiva e a limpeza da contorna.

 

Forte impulso económico a unha das zonas naturais con maior valor en toda a localidade de Ares: o humidal da Xunqueira potenciarase grazas aos 180.000 euros que conseguiu o Concello a través de tres liñas de subvención da Consellería de Medioambiente e Cambio Climático, aos que se sumarán 45.000 euros das arcas municipais.

A  propia conselleira da área, Ángeles Vázquez Mejuto, visitou hoxe o municipio, recepcionada pola tenente de alcalde, Alma Barrón, a concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, e a edila de Urbanismo, Olimpia Marcos –involucradas na materialización dos proxectos e a obtención dos fondos públicos– para debullar máis detalles desta boa nova para Ares.

As autoridades formalizaron un acto informativo na entrada da casa consistorial ao que tamén asistiron a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e membros de todas as forzas políticas representadas na corporación municipal –nomeadamente, PPdeG, NAL e BNG.

Na súa alocución, Vázquez Mejuto salientou a necesidade de “poñer en valor o traballo dos concellos, tendo en conta que son administracións en contacto directo coa natureza, unha das xoias de Galicia. E Ares é, xunto co municipio de Vilariño de Conxo, o único concello en acadar a máxima contía de 180.000 euros na liña de sbuvención da Consellería”.

E pola banda de Ares, Alma Barrón contextualizou as accións do goberno local no humidal, “unha zona na que se traballou como obxectivo prioritario dende a primeira lexislatura ata o de agora para rexenerar e protexer”. “De feito, contabilizando este investimento máis recente, o importe destinado á recuperación da Xunqueira dende o 2008 supera xa os 700.000 euros”, concluíu Barrón.

Ao peche das súas declaracións, a conselleira de Medioambiente e Cambio Climático achegouse até o salón de plenos do consistorio para estampar a súa sinatura no Libro de Ouro do Concello.

A Xunqueira, un espazo recuperado para a cidadanía ao longo dos anos

A relación da vila co actual espazo da Xunqueira, rexenerado en termos de natureza e avifauna e cunha ampla pasarela de madeira que permite o desfrute e lecer da veciñanza, principia  no 2009.

É nese momento cando o alcalde da localidade, Julio Ignacio Iglesias, asina o primeiro convenio para a recuperación integral do humidal co socialista Pachi Vázquez, conselleiro de Medioambiente.

A sinatura do convenio tradúxose na chegada de 376.000 euros centrados na recuperación dun espazo por entón moi degradado, co obxectivo de depurar o río que o atravesaba e conservar a riqueza paisaxística e animal, en perigo pola situación medioambiental da Xunqueira, que xa estaba inscrita daquela no Inventario de Humidais de Galicia.

A través deste primeiro paso, a zona natural recuperouse deixando atrás o deterioro ambiental que sufría e transformouse, paulatinamente, nun lugar idóneo para acoller a diversidade de fauna e flora locais.

Durante as seguintes lexislaturas, o equipo de goberno dirixido por Julio Ignacio Iglesias ampliou progresivamente os tramos da pasarela de madeira, incorporou máis puntos de observación de aves e continuou, en esencia, cunha liña de traballo por tramos centrada na rexeneración e potenciación do humidal da Xunqueira.

No 2011 inaugurábase un percorrido de 75 metros, cun investimento de 50.000 euros; en 2013 prolongouse o paseo fluvial con outros 95 metros, uns traballos que rondaron os 40.000 euros e, toda vez que se materializou unha senda de madeira estable, a planificación municipal centrouse na obtención de recursos para a súa posta en valor, reposición e mantemento, con preto de 50.000 euros investidos a tal efecto.

É así como se chega ata a actualidade, cun humidal que continúa a gozar dunha valiosa avifauna e xa consolidado como un espazo ecolóxico de referencia para a veciñanza, visitantes e amantes da natureza; un refuxio verde no corazón de Ares despois do fondo traballo de carácter medioambiental desenvolto polo Concello.

Reposición do paseo fluvial ao completo

Os 225.000 euros que se invertirán na Xunqueira e a súa contorna entre a Xunta de Galicia e o Concello serán fundamentais para repoñer, con materiais novos, todos os elementos e o sistema do paseo fluvial: vigas, correas, tarima e varandas… amais de desbrozar as marxes, executar a limpeza dos refugallos que se atopen sobre o paseo elevado e realizar talas selectivas de ramas en perigo de caída.

As actuacións encamíñanse polo tanto á mellora da conectividade entre o medio rural e o perirubano, e tamén á restauración en si do humidal como forma de prevención dos riscos asociado ao cambio climático.

 

Pódeche interesar