- A Xunta outorgou onte á vila este selo que distingue o esforzo local pola paisaxe, a procura da eficiencia enerxética, a educación ambiental e a xestión responsable dos recursos.
- A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, recolleu de mans do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a bandeira verde, símbolo do compromiso ecolóxico do concello aresán e da súa veciñanza.
Ares volve a contar cun recoñecemento ó labor de sensibilización e impulso medioambiental feito realidade nos últimos tempos grazas ó traballo interconectado da administración local e veciñanza: a Bandeira Verde de Galicia 2025, que se suma á xa obtida en outubro de 2024, constatando o progreso do municipio en cuestións ecolóxicas.
Así se oficializou no acto celebrado onte en Mos (Pontevedra) cos 33 concellos seleccionados este ano para recibir o distintivo, coa presenza do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira Ángeles Vázquez.
En representación de Ares acudiu a edila de Medioambiente, Lucía Blanco, que salientou a “boa nova que supón para a vila este galardón”, precisamente porque “pon en valor o traballo desenvolto progresivamente a prol da eficiencia enerxética en espazos e edificios públicos, as campañas de sensibilización ambiental, o respecto pola paisaxe ou a posta en marcha de infraestruturas de compostaxe e reciclaxe, coma acontece no caso dos puntos limpos fixos e móbil que temos en Ares”.
Con todo, a Bandeira Verde tamén certifica o esforzo colectivo realizado pola veciñanza, vencellándose coa administración local, para contribuír ó coidado do medioambiente e facendo de Ares un referente en toda Galicia polo seu compromiso coa sostibilidade.