- Representantes do Concello, da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) de Ferrol e de asociacións aresáns con impacto no municipio reuníronse para pechar marzo cunha diagnose das necesidades da vila.
- Despois da súa constitución en febreiro de 2025, a Mesa abordou nesta ocasión as propostas de primeiras accións tendo en conta as oportunidades e carencias detectadas entre todos os axentes.
A Mesa de Saúde Local de Ares reuniu na súa segunda sesión a representantes do Concello, asociacións veciñais e do tecido cultural e deportivo, profesionais da saúde e integrantes de REGAPS Ferrol para continuar no proceso de diagnose e posta en común de necesidades da vila. Co horizonte de traballar xuntos na mellora da saúde da localidade dende a coordinación de ideas, recursos e accións, estableceuse unha dinámica grupal para deseñar as primeiras propostas de actuación.
Así, tras constituirse oficialmente en febreiro deste ano, a Mesa avanzou na súa consolidación centrándose, desta volta, en que pode aportar cada integrante dela na resolución das carencias detectadas.
Coa moderación da terapeuta ocupacional Sofía Puente e a traballadora social Cruz Fernández por parte de REGAPS, fixáronse obxectivos a curto prazo, relacionados coa xestión emocional –como ben pode ser o control do estrés e a ansiedade nas entidades deportivas–; as condutas aditivas centradas na deshabituación tabáquica ou a materialización de actividades preventivas que instauren hábitos saudables na poboación aresá.
Desta maneira, a Mesa de Saúde afonda no seu modelo colaborativo e na súa condición coma espazo de comunicación, coordinando o diálogo entre este conxunto de axentes que traballan para facer da comunidade local e de Ares un lugar mellor: unha vila moito máis saudable.