Este novo organismo está conformado por profesionais da saúde, representantes do Concello, centros educativos e movemento asociativo cultural-deportivo cun obxectivo: actuar como un espazo de detección de necesidades, formulación de propostas e diagnose en materia de saúde.
A Mesa manterá múltiples encontros ao longo do ano e forma parte das planificacións municipais á hora de construír unha localidade que incentive un estilo de vida saudable entre a veciñanza.
O municipio aresán conta dende esta semana cunha nova entidade que agrupa aos principais axentes relacionados coa promoción da saúde en Ares. Trátase da Mesa de Saúde Local que se constituíu onte por primeira vez na Alianza Aresana e que aglutina ao Concello –coa presenza das edís Alma Barrón , Lucía Blanco, Olimpia Marcos e Victoria Montenegro–, asociacións locais de carácter cultural-deportivo ou veciñal, centros educativos, a Rede Galega de Promoción da Saúde da Área Sanitaria de Ferrol (REGAPS) e profesionais do sector relacionados coa localidade.
A Mesa confórmase cun obxectivo principal: a de servir como instrumento de diagnose da vila en materia de promoción da saúde e posta en marcha de hábitos saudables. Baseándose nunha relación colaborativa, os axentes que a integran reuniranse periodicamente para crear estratexias e proxectos que melloren na mellora do benestar da veciñanza aresá, mais tamén analizar as problemáticas de saúde e coordinar os recursos dispoñibles para formular novas actuacións.
Na primeira sesión, os representantes da Mesa estableceron as dinámicas iniciais para detectar necesidades da poboación de Ares, amais de presentar algunhas propostas e deseñar a priorización de accións a levar a cabo no municipio no tocante á promoción da saúde.
Así, o novo organismo da Mesa complementa o conxunto de actuacións públicas que vén a desenvolver o Concello para facer de Ares un lugar centrado no benestar da súa veciñanza, como parte da súa participación na Red Española de Ciudades Saludables (RECS).
Estas propostas municipais abranguen dende a programación lúdico deportiva á Academia AresXSalud, pasando polo programa de envellecemento activo, o equipo de remo as Sereas das Mirandas ou mesmo a materialización de infraestruturas saudables, que priorizan a socialización e o movemento a pé, como os itinerarios escolares seguros.