Ares contará cun evento en recordo do veciño Lucas Seijo Fernández

Comparte esta nota de prensa

  • O pavillón polideportivo municipal acollerá o sábado, 18 de outubro, en horario de mañá, unha exhibición de infline freestyle coas compañeiras e compañeiros de Lucas, falecido en setembro de 2024, e tamén unha exposición de LSC.
  • Será un adianto do que chegará na Lucas Slalom Cup 2026, certame deportivo igualmente destinado a lembrar ó veciño aresán, un apaixonado dos deportes de rodas.

 

Co foco posto en ir moito máis aló do deportivo, o club coruñés Alquimia e o Concello organizarán conxuntamente Xuntos en Ares, lembrando a Lucas, unha xornada destinada a rendir unha homenaxe ao aresán Lucas Seijo Fernández, falecido nun tráxico accidente en setembro de 2024.

Tomando como base a paixón de Lucas pola patinaxe, chegando a proclamarse Campión Galego de Slides e Subampión de España de Salto no Campionato Promesas, o pavillón polideportivo de Ares acollerá durante o sábado, 18 de outubro, de 11:00 a 13:30 h., unha exposición LSC e unha exhibición inline freestyle grazas á intervención dos compañeiros e compañeiras de Lucas.

E toda a iniciativa estará marcada polo lema que leva o Club Alquimia en Ares e na Coruña: #SempreLucas. Dende a organización fan un especial agradecemento ás familias, amizades e á veciñanza aresá en xeral para poder achegar o proxecto de homenaxe até á vila, sabendo que Lucas estará presente en cada salto, xiro e encontro sobre rodas que fagan realidade.

Pódeche interesar