- A última sesión do programa ‘Non remates coas mates’, destinado a explorar novos enfoques desta disciplina do coñecemento para persoas maiores de 20 anos, realizarase o vindeiro 21 de xaneiro na Aula de Cultura da rúa Zamborela.
- Será preciso reservar praza dende hoxe de xeito telemático a través da web do Concello, concellodeares.gal.
Non tiñan redes sociais, mais o seu impacto foi incontestable no percorrido da humanidade: eran verdadeiros influencers da época, figuras como Pitágoras capaces de transformar a sociedade a través das matemáticas e o pensamento, e que agora se poñen baixo a óptica divulgativa na última sesión de ‘Non remates coas mates’, o programa para achegarse ás matemáticas de xeito ameno.
Será toda unha oportunidade para coñecer non só ao pensador grego, tamén a outras figuras imprescindibles na historia desta ciencia e da nosa cultura, afondando nalgúns dos seus achados.
Baixo o nome de ‘Influencers da historia das matemáticas’, o terceiro e último obradoiro do programa organizarase o vindeiro 21 de xaneiro ás 18:30 h. na Aula de Cultura da rúa Zamborela cunhas 20 prazas. A participación é de balde, mais require de inscrición previa cubrindo un formulario telemático na web institucional, www.concellodeares.gal, a partir de hoxe, 9 de xaneiro, ás 16:00 h.
Así, o equipo docente manterá as metodoloxías dinámicas e participativas que caracterizaron as sesións previas realizadas en novembro e outubro, escapando da idea das matemáticas como algo difícil ou abstracto e xerando un espazo de coñecemento, reflexión e descubrimento para persoas adultas con curiosidade, sen necesidade de ter formación previa.
Todo o programa está impartido e coordinado polas licenciadas en Matemáticas Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Montero e Begoña Gómez.
LIGAZÓN PARA INSCRIBIRSE: https://forms.gle/BTc862gC5QmgHdh3A

