Nun caluroso martes, 10 de xuño, veciños e veciñas de Ares e Mugardos reuníronse arredor da Ermida da Mercé para conmemorar unha das tradicións máis antigas do territorio: o Voto de Chanteiro, unha romaría que mestura a historia coa festa popular nunha contorna privilexiada.
A xornada comezou coa tradicional misa ás 12:00 h., seguida da actuación do Grupo de Gaitas Aresán, que puxo a nota musical ao encontro. Despois houbo tempo para probar a empanada do Alto de Simou e así continuar compartindo esta celebración con raíces tan fondas nos dous municipios. Alí estivo Alma Barrón, concelleira de Cultura, contribuíndo no reparto.
O Voto de Chanteiro ten a súa orixe no século XV, cando segundo a tradición, a comarca de Ferrolterra liberouse da peste grazas á intercesión da Virxe da Mercé. En agradecemento a ese xesto, instaurouse un voto anual que aínda perdura no noso presente grazas á involucración da veciñanza.
Fotografía: Concello e Juan Martínez, de Xente de Ares