Ares e Mugardos despediron o ano coa súa tradicional carreira entre municipios

Comparte esta nota de prensa

A modo de singular ‘San Silvestre’, xa asentada como unha das probas deportivas con máis tradición na comarca, a XIX Carreira de Fin de Ano Mugardos-Ares volveu percorrer os dous concellos con arredor de 400 corredores e corredoras na liña de saída durante a mañá de onte.

Foi unha xornada para despedir o 2024 con deporte e zapatillas, pero tamén para celebrar a chegada de 2025 procurando saúde e boas novas. E por iso mesmo o espírito da carreira se enfoca máis no lúdico que no competitivo: ao remate da proba de 10 quilómetros, a organización sorteou varias cestas con produtos de Nadal independentemente das marcas persoais ou tempos, en colaboración co supermercado Familia.

Un xeito de premiar a finalización en si mesma do percorrido e de animar a todo o mundo a que deporte, risas e compañeirismo vaian sempre da man.

En representación do Concello de Ares acudiu Alma Barrón, edila de Deportes da localidade, para formalizar o peche desta XIX Carreira de Fin de Ano.

 

Pódeche interesar