Ares e Mugardos presentan a XIX Carreira Popular de Fin de Ano

Comparte esta nota de prensa

O evento recalará en ambos municipios, con saída e chegada ao pavillón polideportivo municipal mugardés, o domingo, 29 de decembro.

As inscricións para a proba deportiva, de fondo carácter popular, xa están abertas vía telemática na web de carreirasgalegas.com ata o 25 de decembro, sendo o único requisito ter cumpridos os 16 anos na data da carreira.

Os Concellos de Ares e Mugardos veñen de presentar oficialmente a XIX Carreira de Fin de Ano que promoven en conxunto ano tras ano, unha décimo novena edición que constata o seu carácter tradicional e popular.

Como xa é cotián, os veciños e veciñas poderán despedir o 2024 con esta proba deportiva que se organizará o domingo, 29 de decembro, a partir das 11:00 horas. Cun itinerario circular de 10 quilómetros que arrancará e rematará no pavillón polideportivo de Mugardos, a Carreira Popular de Fin de Ano continuará fomentando a participación dos corredores a partir dos 16 anos de idade, sen importar o seu nivel de habilidade , enfatizando o trasfondo lúdico da proposta.

Nesta XIX edición, a capacidade limítase a 500 prazas, que se cubrirán vía telemática ata as 23:59 horas do 25 de decembro na web www.carreirasgalegas.com, baixo un prezo de 5 euros por persoa.

Previo ao evento, a retirada de dorsais que confirma a asistencia do participante realizarase os días venres, 27 de decembro, de 8:00 a 13:30 h. e de 16:00 a 22:00 h., amais do sábado, 28, de 9:00 a 13:00 horas, no Complexo Acuático do Castro. O mesmo día da proba tamén haberá a posibilidade de retiralos na pista exterior do pavillón polideportivo de Mugardos de 9:00 a 10:30 h.

Na organización e posta en marcha do evento colaboran a Federación Galega de Atletismo, Serviocio e a Deputación da Coruña.

Pódeche interesar