Ares encheuse de cor e tradición cos tapices das Alfombras Florais

Comparte esta nota de prensa

O centro da vila converteuse neste domingo pasado en todo un espectáculo de cores: Ares celebrou as tradicionais Alfombras Florais polo Corpus Christi, Festa de Interese Turístico de Galicia, grazas á involucración activa duns 200 voluntarios e voluntarias, que empregaron máis de 30 toneladas de materiais para cubrir os cinco tramos polas rúas do núcleo urbano. Máis dun quilómetro de cores e flores que fixeron do municipio unha referencia na comarca.

As alfombras deste ano estiveron protagonizadas por imaxes cargadas de emoción e historia, como os motivos da migración alén do mar, con recoñecidos edificios de pasado indiano -da Alianza Aresana á Agrupación Instrutiva de Caamouco- ou estampas da Habana, mais tamén houbo deseños para os máis pequenos, con estampas da película Del Revés (Inside Out), elementos relixiosos propios do Corpus e outras representacións do vínculo da localidade co mar.

Un ano máis, a veciñanza traballou arreo para continuar con esta tradición que destaca polo seu compromiso colectivo; é o voluntariado, cun esforzo desinteresado, a peza fundamental das Alfombras Florais, cun traballo que principia na preparación de todos os materiais (hortensias, pampillo, serrín tintado, pousos de café, picado de tullas…) e que rematou onte para desfrute de todos.

Grazas á Asociación Alfombras Florais de Ares, a Protección Civil e Policía Local, veciñanza e visitantes por facer realidade a celebración. Un ano máis, Ares encheu as súas rúas de arte efémero!

Fotografías: Concello de Ares, Ferrol360, María del Carmen García, Alberto Sánchez e Asoc. Alfombras Florais.

 

Pódeche interesar