Dende este mes de decembro en adiante, o municipio aresá impulsará o DNI Rural, o servizo da Policía Nacional que reduce significativamente os tempos de espera no proceso de expedición e renovación tanto do Documento Nacional de Identidade como dos pasaportes, que se poden entregar no mesmo día tras un único trámite. Ademais, o servizo tamén contempla a posibilidade de renovar os certificados dixitais integrados no DNI electrónico (DNIe).
Entre os principais alicerces do DNI Rural, está o de evitar á veciñanza de Ares o desprazamento para realizar este tipo de trámites, ampliando as opcións existentes até o de agora na vila.
Xa durante hoxe e mañá, 12 de decembro, a unidade móbil da Policía Nacional, o Vehículo Integral de Documentación (VIDOC), atenderá aos veciños e veciñas que se inscribiron previamente na Biblioteca Municipal.
Así, o servizo do DNI Rural continuará a funcionar durante os vindeiros meses nunha ou dúas xornadas en función da demanda da veciñanza nesa mensualidade, mais sempre requirindo a reserva previa na Biblioteca, que centraliza as inscricións destes trámites.



