- O último informe emitido por Ecoembes sinala un claro aumento da reciclaxe no municipio aresán, mantido ademais ao longo dos últimos 4 anos.
- A recollida de envases lixeiros en Ares no ano 2024 alcanzou un valor de 143.680 kgs., o que supón uns 23,4 quilos por habitante, por riba dos casi 16 quilos/habitante da media galega. E 110.260 quilos no colector azul, ata os 18 quilos por habitante.
A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, mantivo recentemente un encontro cos técnicos da entidade medioambiental Ecoembes, a organización sen ánimo de lucro que contribúe á xestión e análise da reciclaxe no municipio, para analizar o seu informe cos últimos datos dispoñibles de Ares na anualidade 2024.
Na xuntanza telemática, detallouse o impacto positivo do esforzo que se está a realizar dende o goberno local na mellora selectiva de residuos, máis tendo en conta que o Concello aumentou o número de contedores amarelos e os de papel e cartón, beneficiándose do convenio asinado entre Ecoembes e a Xunta de Galicia.
Deste xeito, o informe sinala que a tendencia de reciclaxe vai incrementándose ao longo dos anos na vila. “Detectamos un aumento dos quilogramos reciclados por habitante dende o 2020, pasando de 15,9 quilos por persoa nesa anualidade aos 18 quilos do 2024”, salientou a concelleira Lucía Blanco.
Con todo, a nova en materia medioambiental tamén ten outra derivada: os datos de reciclaxe de Ares en envases lixeiros –o colector amarelo—e de papel e cartón –colector azul– superan a media galega, exemplificando o compromiso dos veciños e a calidade da infraestrutura verde que se está a desenvolver na localidade durante os últimos anos.
Na súa totalidade, a recollida de envases lixeiros no ano 2024 en Ares tradúxose na reciclaxe de 143.680 kgs. –colector amarelo– e 110.260 quilos no colector azul de papel e cartón.
A concelleira calificou os datos técnicos dunha “boa nova para o medioambiente e un aliciente para continuar nesta senda do crecemento nos procesos de reciclaxe, sabendo que en Ares cada vez reciclamos máis, moi por enriba da media de Galicia”.
Declarou Blanco que “a situación actual fala positivamente da involucración da veciñanza, amais de amosar a utilidade de impulsar unha mellor rede de reciclaxe na vila”.
“Incrementamos o número de colectores, mais tamén materializamos o punto limpo móbil, os minipuntos fixos no núcleo urbano da vila, os composteiros colectivos e individuais, podemos beneficiarnos do Punto Limpo de Vilar do Colo… estamos a facer realidade unha infraestrutura ecolóxica a disposición dos veciños e veciñas de Ares, e iso contribúe a converter o noso municipio nun lugar máis sostible e respectuoso coa natureza”, concluíu a concelleira de Medioambiente.