O programa de obradoiros para redescubrir as matemáticas desde novas ópticas, ‘Non remates coas mates’, concluiu esta semana coa súa actividade poñendo o foco de atención en grandes personaxes desta disciplina como Tales, Pitágoras, Arquímedes, Hipatía de Alexandría ou Descartes: pensadores e ‘influencers’ da época que, sen redes sociais, transformaron o percorrido da humanidade.
A Aula de Cultura da rúa Zamborela acolleu este mércores a última sesión da iniciativa, aglutinando á veciñanza arredor da divulgación matemática da man de Covadonga Rodríguez-Moldes, Cristina Montero e Begoña Gómez, profesoras de secundaria con extensa traxectoria na docencia e licenciadas en Matemáticas encargadas de conducir todos os obradoiros, coa colaboración do Concello.
Amais de explorar a relevancia dos grandes pensadores matemáticos, tamén construíron elipses, analizaron cónicas e traballaron con mapas calculando coordenadas cartesianas e distancias.
UNHA NOVA PERSPECTIVA DAS MATEMÁTICAS
Os tres obradoiros que compuxeron o programa lograron, baixo unha metodoloxía dinámica e manipulativa, “ensinar as matemáticas como algo máis que números, fórmulas e operacións”, entendéndoa como unha “ferramenta para comprender o mundo, pois forman parte da nosa vida cotiá, historia e cultura”.
De feito, a iniciativa destinouse a toda persoa maior de 20 anos que, sen necesidade de formación previa, quixera achegarse á disciplina matemática dende a curiosidade, amosando que non son “esa materia difícil, abstracta e estrictamente reservada a alguén calificado como intelixente ou peculiar”.
Por iso mesmo fuxiron da concepción máis convencional das clases, abríndose ás reflexións e o diálogo da veciñanza. Un compromiso coa divulgación que vén de rematar moi satisfactoriamente!







