O xoves, 16 de maio, ás 20:00 horas, chegará ‘Indóciles’ á Alianza Aresana, un proxecto de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut que poñen voz e música á poesía de Luísa Villalta, a autora homenaxeada na actual edición das Letras Galegas.
O sábado, 18 de maio, ás 12:00 horas na Rúa Solín, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, conversará nun vermú-presentación con Pablo J. Rañales sobre a súa primeira novela en galego, ‘Os afogados’, gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2023.
A Concellaría de Cultura vén de desvelar hoxe a programación que se promoverá na vila de Ares para celebrar o Día das Letras Galegas do 17 de maio, unha data que dignifica a literatura galega e que está adicado neste ano á poeta Luísa Villalta.
Serán dous os eventos culturais organizados no municipio co galo das Letras Galegas. O primeiro chegará o xoves, 16 de maio ás 20:00 horas, ao salón de actos da Alianza Aresana e actuará como un espectáculo para adultos que mestura poesía, música e narración oral, baixo o nome de ‘Indóciles’.
Da man de Vero Rilo, narradora oral; Nuria Vil, recitadora e Mónica de Nut, música, agromará o legado e a voz poética de Villalta, unha das figuras con máis forza e rebeldía dentro do panorama da poesía galega.
O segundo evento producirase o sábado, 18 de maio, ás 12:00 horas, na rúa Solín, ao carón do paseo marítimo da localidade, e será en formato vermú-presentación: o escritor Pablo J. Rañales debullará as temáticas que desenvolveu en ‘Os afogados’, a súa primeira novela en galego, gañadora ademais do Premio Illa Nova de Narrativa 2023 para voces emerxentes da literatura de Galicia.
Conversará con Alma Barrón, concelleira de Cultura, sobre unha historia onde o océano, a relación coa natureza e a viralización dos discursos de odio son protagonistas. Contará coa colaboración da Libraría Áncora e do Estuary Bar, que prestará servizo de bebidas durante a presentación ao aire libre.