Ares principia coa programación lúdico cultural de verán o 1 de xuño

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello vén de presentar hoxe a súa oferta de actividades para o período estival co lanzamento do VeraneAres 2025.

 

A Concellaría de Cultura publica hoxe toda a súa programación para o período estival, arrancando xa o vindeiro 1 de xuño ata o 28 de setembro, cando se organice o último evento inscrito no “VeraneAres 2025”.

O programa lúdico cultural achegará unha oferta diversificada para familias, adultos e mocidade a través de múltiples celebracións, e sempre contando coa involucración do tecido asociativo e veciñanza na dinamización do verán na vila.

Dende eventos con fonda tradición no municipio ás festas das parroquias, os próximos meses en Ares contarán con actividades de todo tipo, incorporando relatorios, presentación literarias, actuacións musicais ou animación de rúa, amais de showcookings ou outros eventos vencellados coa gastronomía da zona.

A concelleira de Cultura, Alma Barrón, remarcou que no VeraneAres “mantemos o que funciona, como son as nosas propostas de cine de verán ou o Mercadillo Veciñal, e tamén sendo conscientes de que temos un límite de días para organizar os eventos”.

Con todo, Barrón vén de destacar algúns eventos como a “Feira de marcas emerxentes  (13 de xullo) que organizará Marto Bags no Parque Rosalía, e será un punto de encontro para que novas marcas da comarca expoñan os seus traballos”; “a exhibición-concentración de vespas clásicas na contorna do local do Pez Rojo nesa mesma xornada de xullo ou o espectáculo Na cerna do son (28 de setembro), relacionado coa migración e que aglutina danza, música e narración oral para pechar o VeraneAres 2025”.

A maiores, dende a Concellaría de Cultura agradecen a colaboración de todos os clubes, entidades, sociedades e agrupacións locais, así como da Deputación da Coruña, para contribuír á dinamización de Ares e ao bo ambiente a través desta ampla oferta de actividades de verán.

Pódeche interesar