Todo listo para celebrar o Samaín e Magosto municipais na localidade aresá. Así o anunciou a Concellaría de Cultura, que desvelou as propostas desenvoltas dende o Concello para o vindeiro 9 de novembro ás 17:00 horas.
A pista cuberta do CPI As Mirandas acollerá un abano de actividades destinadas ós pequenos e pequenas e ás súas familias, facendo da data un bo momento de lecer. Haberá castañas asadas, un photocall para inmortalizar os disfraces grazas á colaboración da S.C. O Tilo e incluso un concurso de cabazas para sacar toda a creatividade a relucir.
Tamén se incluirán inchables, un cantabaila de Samaín e un espectáculo de animación musical, que se sumarán ós obradoiros tematizados: un de chupa chups vampíricos e outro de maquillaxe e feridas.
A área de Cultura transmite o seu agradecemento ós voluntarios de Protección Civil de Ares, amais da Sociedade Cultural O Tilo, que mantén anualmente a súa involucración na materialización do evento.
				
														
