O Concello de Ares e a Rondalla Trovadores de Ares celebrarán o vindeiro domingo 13 de setembro, ás 19:00 horas, na Igrexa de San Xosé de Ares, a IX Homenaxe Musical a Gildo Illobre, unha cita coa que o municipio mantén viva a memoria e o legado musical deste veciño, falecido en 2015.
Nesta edición participarán a Coral Polifónica Costumes de Bergondo, a Rondalla Mugardesa e a Rondalla Trovadores de Ares, nun encontro que reivindica a importancia de Illobre na vida musical de Ares e da comarca.
Acordeonista e director dos Trovadores de Ares, Illobre participou tamén en diferentes orquestras e agrupacións musicais e dirixiu diversos coros parroquiais, deixando unha fonda pegada na tradición musical da contorna.
Nove edicións despois, a homenaxe continúa sendo un espazo para lembrar e celebrar a súa traxectoria e a súa paixón pola música.
A actividade está organizada polo Concello de Ares e Trovadores de Ares, coa colaboración de Bodegas y Vinos Ares e da Deputación da Coruña.

